Sunday 28 de April de 2024

Avanzan as obras do centro sociocomunitario de Ponte Carreira, que estará rematado antes de que finalice o ano


O Concello de Frades achega 150.000 dos 343.000 euros que custará este nova instalación municipal

O centro sociocomunitario de Ponte Carreira comeza a tomar forma, toda vez que as obras acometidas pola empresa JSTOP Obras e Servizos SL avanzan con normalidade. “Estamos xa coa última fase da execución da obra, polo que agardamos que a instalación poida poñerse en funcionamento antes de que finalice este ano”, apunta o alcalde de Frades, Roberto Martínez.

Unha actuación froito dun convenio asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Política Social que, con cargo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, achegou 200.000 dos 343.683,56 euros do proxecto nos dous últimos exercicios,. O Concello de Frades subvencionou o resto con fondos propios.

O centro sociocomunitario de Ponte Carreira dará servizo aos veciños e veciñas do municipio e nel poderanse levar a cabo actividades lúdicas e sociais, así como formación. Ademais, o Concello de Frades pretende que dea servizo especialmente aos maiores de sesenta anos, que representan o 42% da poboación do municipio.

Roberto Rey explica que “en breve contaremos cun centro para os nosos maiores con acceso a servizos como os que actualmente prestamos a domicilio a persoas dependentes: fisioterapia, podoloxía e perruquería, pero que ademais serva de punto de encontro para o resto da veciñanza, que poderá facer aló todo tipo de actividades, dende pilates e ximnasia”. Unha instalación que, a diferenza do que acontecería cun centro de día, non estará só aberto a dependentes de grao 2 ou 3, senón que será accesible a todas as persoas maiores do municipio.

Características do centro

O centro sociocomunitario está emprazado nunha parcela de solo urbano no núcleo de Ponte Carreira, moi próxima ao actual centro de saúde e á praza pública. Cunha superficie de 1.673,39 m2, contará de dúas salas multiúsos, catro despachos, unha recepción cun pequeno almacén e aseos adaptados. Tanto as salas multiúsos como os despachos poden dividirse entre si a través de paneis móbeis, o que permite crear salas de maiores dimensións, no caso de que fose preciso.

O edificio ten unha única planta, cunha superficie construída de 257,42 m2, cunha superficie útil de 211,42 m2. Exteriormente, o edificio será un paralelepípedo, cun revestimento da fachada en paneis de aluminio en diferentes cores e un zócalo de granito inferior.